Asociación Europea de Libre Comercio
Asociación Europea de Libre Comercio | |
---|---|
Acrónimo | EFTA |
Tipo | organización rexional, área de livre comércio e organización internacional |
Data de fundación | 4 de xaneiro de 1960 |
Nº de empregados | 90 (2021) |
Orzamento | 21869000 Franco suízos |
Sede | Xenebra |
46°13′12″N 6°08′19″L / 46.219944444444, 6.1387361111111 | |
Na rede | |
http://www.efta.int/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asociación Europea de Libre Cambio (AELC) ou Asociación Europea de Libre Comercio, tamén coñecida polas súas siglas en inglés EFTA (European Free Trade Area), é un bloque comercial creado o 4 de xaneiro de 1960 pola Convención de Estocolmo como alternativa á Comunidade Económica Europea (1957) e polos países Austria, Dinamarca, Reino Unido, Noruega, Portugal, Suecia e Suíza. Entrou en vigor en xuño de 1960. En 1961 entrou Finlandia, en 1970 Islandia e en 1991 Liechtenstein.
O seu obxectivo consiste en favorecer a expansión económica e a estabilidade financeira de todos os seus membros.
Tras o abandono da AELC e entrada na CEE do Reino Unido e Dinamarca en 1973, Portugal en 1986, Austria, Suecia e Finlandia en 1995, o papel da AELC diminuíu notablemente. Permanecen dous países alpinos: Liechtenstein e Suíza, os cales son paraísos fiscais; e dous países nórdicos, Noruega e Islandia, aínda que este último comezou os trámites para adherirse á UE, polo que é probable que nos próximos anos deixe de ser membro desta organización.
AELC ten as seguintes institucións:
- A secretaría que ten a súa sede en Xenebra.
- O Tribunal da AELC.
- O Consello da AELC.
- A Autoridade da Vixilancia da AELC.
Historia
[editar | editar a fonte]A reacción británica fronte á creación da CEE pasaría de ser indiferente a hostil por causa da súa oposición ás estruturas federais e a necesidade de defender a Commonwealth, que se atopaba nun período crítico. O Reino Unido conseguiu reunir ao longo de 1959 a varios países (entre eles algúns limítrofes á CEE) e deciden crear a Asociación Europea de Libre Cambio.
O 4 de xaneiro de 1960 rubricouse no salón Dourado do Palacio do Príncipe de Estocolmo o Tratado da Asociación Europea de Libre Cambio, o seu documento fundacional. Este, establecía a eliminación progresiva dos dereitos de aduana con respecto aos produtos industriais, pero non afectaba nin aos produtos agrícolas nin aos do mar.
A única diferenza primixenia entra a CEE e a AELC era a tarifa aduaneira exterior común, e por tanto cada membro desta última quedaba libre de establecer dereitos aduaneiros fronte a terceiros países.
A pesar desta modestia de medios e de propósitos, os resultados foron excelentes, pois logrouse un aumento do comercio exterior entre os seus membros de 3 522 a 8 172 millóns de dólares entre 1959 e 1967. Mais é, á fin e ao cabo, inferior se se compara co aumento que se produciu na CEE.
O fracaso da AELC produciuse como consecuencia da adhesión de Dinamarca e mais o Reino Unido ás Comunidades Europeas. Por esta razón a maioría dos países integrantes desmantelaron a súa protección aduaneira preparándose para poder adherirse ou asociarse á CEE, diminuíndo os ingresos e a importancia da AELC. Quedando na actualidade só 4 membros: Islandia, Suíza, Noruega e Liechtenstein.
Países membros de Asociación Europea de Libre Comercio
[editar | editar a fonte]Todos ingresaron no 1961 excepto Islandia que ingresou no 1970 e Finlandia que ingresou no 1985.
- Dinamarca (Saíu en 1972 para ingresar na CEE).
- Reino Unido (Saíu en 1972 para ingresar na CEE).
- Portugal (Saíu en 1986 para ingresar na CEE).
En 1991 nos países restantes fíxose un referendo por sufraxio universal para decidiren se seguían nesta organización ou pasaban a formar parte da Unión Europea.
- Austria (Saíu en 1991 para ingresar na UE).
- Finlandia (Saíu en 1991 para ingresar na UE).
- Suecia (Saíu en 1991 para ingresar na UE).
- Islandia (Segue na Asociación Europea de Libre Comercio, aínda que iniciou trámites para adherirse á UE).
- Noruega (Segue na Asociación Europea de Libre Comercio).
- Suíza (Segue na Asociación Europea de Libre Comercio).
- Liechtenstein (Segue na Asociación Europea de Libre Comercio).